05 Ago A falta de brigadas contra os incendios en varios concellos do sur de Lugo é mostra do fracaso deste modelo
A falta de brigadas contra os incendios en varios concellos do sur de Lugo é mostra do fracaso deste modelo
IGV defende un operativo centralizado e profesionalizado, sen precariedade laboral
Parroquias do interior galego, 4 de agosto de 2025.
Os concellos de Sober, Pantón e do Saviñao carecen de brigada forestais esta temporada de verán 2026. O motivo é a falta de persoas para cubrir o posto de xefe de brigada, algo que tamén xa foi complicado en Sober o ano pasado. De feito, xa no 2025 O Saviñao non foi capaz de ter brigada.
A convocatoria para cubrir 4 prazas para a actuación dunha brigada de prevención e extinción contra incendios forestais do Concello de Sober publicouse o 16 de xuño, pero non foi posible “atopar ningún candidato que cumpra os requisitos para ser contratado como xefe de brigada nin a través da oficina pública de emprego, nin dos anuncios publicados por o concello”. Por este motivo, o 7 de xullo renunciouse á posto en marcha da brigada municipal. Análogas circunstancias sucederon no resto de municipios.
Os postos de xefes de brigada serían “contratos laborais temporais eventuais por circunstancias da producción, por 3 meses, ao 100% de xornada”, cun salario por volta de 1450 € brutos mensuais, aínda que defire en cada concello. Este xefe ou xefa de brigada “exercerá como responsable da coordinación do funcionamento da brigada nas relacións operativas e de comunicación co persoal do distrito forestal ao que pertenza a entidade local, de acordo co procedemento perativo estabelecido no Plan de Extinción do PLADIGA en vigor”.
Así, a imposibilidade de contratar xefes de brigada ten moito que ver coas condicións laborais: un traballo temporal de tres meses, con alta responsabilidade e riscos asociados; por iso, entre outras medidas, dende IGV defendemos un operativo centralizado e profesionalizado. De feito, faltan xefes e xefas de brigada porque moitos dos que teñen o ciclo xa están traballando na Xunta ou de axentes.
A convocatoria de postos de traballo realizouse no marco dos distintos “convenios de colaboración subscritos entre a Consellería do Medio Rural e os concellos para a realización de accións de prevención e defensa contra os incendios forestais durante os anos 2025-2026”, nos cales se estabelece unha contía máxima de axuda ás entidades locais. Por exemplo, no do Concello de Pantón, 21.000 € máximo para labores de vixiancia e 54.000 € para prevención. Os Concellos encárgase, así pois, da xestión do persoal, do vehículo e dos traballos, aumentando a burocracia de concellos pequenos só coa finalidade da Xunta da Galiza evitar contratar máis persoal de prevención e extinción de incendios.
Dende IGV lembramos que levamos décadas sufragando sen resultados palpábeis brigadas municipais que supoñen un gasto medio anual de arredor de 38 millóns de euros, mais non logran corrixir as graves deficiencias estruturais na xestión do risco. Cada ano, a través de convenios coas entidades locais, destínanse en torno a 27 millóns de euros para a contratación de brigadas municipais de prevención e extinción.
Os concellos, pola súa banda, asumen máis de 6,5 millóns adicionais en maquinaria, reparacións, EPIs, cursos e tribunais de selección. Un cofinanciamento que se suma a moitos outros que o PP fai recaer sobre a administración local. A isto engádense subvencións específicas para prevención (uns 3,9 millóns de euros) e proxectos piloto puntuais, que elevan o impacto económico anual a uns 38,4 millóns de euros.
Porén, o problema de fondo segue sen abordarse. Numerosos concellos carecen de convenio con SEAGA, polo que non dispoñen dun instrumento operativo para a xestión das faixas de protección. Amais, existen plans municipais de prevención que son simples “corta e pega” ou, directamente, non están aprobados nin aplicados. Outros exclúen os camiños públicos de titularidade municipal sendo directamente papel mollado.
Desta arte, non se incoan expedientes nin sancións cando os propietarios incumpren a obriga legal de limpar as súas parcelas, trasladando á cidadanía un risco que a administración non controla nin fai cumprir. Onde raramente se incoan non se executan as limpezas e se repercuten en quen incumpre a lei, polo que o réxime sancionador fica en auga de castañas.
Para Interior Galego Vivo, cómpre unha auditoría seria da eficacia das medidas existentes contra o lume e resolver os problemas estruturais: a descoordinación entre Xunta, concellos e propietarios, a falta de control e seguimento efectivo das obrigas legais, e unha estratexia centrada no gasto, non nos resultados.
Así, dende IGV reiteramos a necesidade de revisar de forma independente a eficacia das brigadas municipais, avaliando se a súa actividade ten impacto real na prevención, e impulsar un operativo de extinción centralizado e profesionalizado, sen precariedade laboral. Os concellos no que deben centrarse é en cumplir a lei e actualizar e socializar os plans de prevención, así como atender a xestión das faixas de biomasa con maior dilixencia.
“Lembramos que os concellos da chamada Ribeira Sacra teñen que deixarse de meter millonadas en propaganda, festivais e feiras do viño e protexer a xente, a paisaxe e a economía tradicional, que é o que permite ter viño e turismo. A disxuntiva é ou patrimonio real da xente, ou decorado”, afirma Paula Verao. Para IGV o modelo debería ser brigadas 100% da Xunta, nen Seaga nen concellos nen empresas privadas.
No Comments