Interior Galego Vivo diríxese ao Ministro de Transportes denunciando o lamentable estado das estradas de titularidade estatal do interior galego

Interior Galego Vivo diríxese ao Ministro de Transportes denunciando o lamentable estado das estradas de titularidade estatal do interior galego

No día de hoxe, 26 de marzo de 2025, Interior Galego vivo, a través dunha misiva asinada por Antom Fente Parada, Coordinador Xeral da formación, dirixiuse ao Ministro de Transportes e Mobilidade Sostible, Óscar Puente, denunciando o lamentable estado das estradas de titularidade estatal do interior galego.

Este é “un problema que se cronificou sen que o Goberno do Reino de España adoptara solucións durareiras”, sinala.

Concretamente, Interior Galego Vivo sinala o “estado actual da N-540 entre Lugo e Ourense, que representa un serio perigo para a seguridade vial”. De feito, son crecentes os contratempos na mecánica dos vehículos que repercute moi negativamente na veciñanza e supón crecentes custos entre a desesperación dos traballadores e traballadoras que, diaramente, han de usar esta vía.

“Somos coñecedores que se dotou con fondos a reparación desta estrada pero, a día de hoxe, estes traballos foron non só lentos, senon ineficaces e pouco duradeiros” – sinalou Antom Fente.
Dende Interior Galego Vivo advirten que “o orzamentado non é suficiente” e urxen a unha actuación e mellora integral do principal nexo de unión entre as cidades do interior galego.

Por outra parte, IGV denuncia tamén o “lamentable estado da N-120 entre Monforte de Lemos e Os Peares”, especialmente nos tramos da vila do Cabe e arredores. Así, urxe a que se adopten medidas con celeridade, que “deben ter en conta de igual modo o estado da N-120 en Os Peares, permanente quebradeiro de cabeza para a veciñanza desa poboación”.

Asemade, a N-525, de Benavente (Zamora) a Santiago de Compostela, precisa atención ao seu paso polas comarcasa de Monterrei e A Limia, en Ourense, antes de que “o seu estado sexa análogo ao calamitoso estado da N-540”.
Interior Galego Vivo quere lembrarlle ao Ministerio a “necesidade que ten o interior galego de infraestruturas útiles e ben conservadas, ao tratarse de territorios periféricos con serios problemas de dispersión e demotanasia, que se ven aceleradas, precisamente, polo abandono institucional e a falta dunha atención análoga á que as institucións ofrecen a territorios de máis poboación.”

No Comments

Post A Comment