
16 Abr Decálogo para un rural galego habitado e habitable
Interior Galego Vivo defenderá nos Concellos un decálogo de medidas urxentes para garantir un futuro digno cas comarcas interiores
A través dunha coalición electoral sumará votos nas provincias de Lugo e Ourense en defensa das xentes do rural galego
Santa Cruz de Viana, a 15 de abril de 2023

Interior Galego Vivo presenta un decálogo con medidas fundamentais para un rural galego habitado e habitable.
A través das distintas candidaturas que concorrerán en concellos da provincia de Ourense e Lugo nas eleccións locais do 28 de maio, IGV defenderá, como eixos estruturais, medidas que garantan que as persoas que habitamos o interior galego non teñamos menos dereitos por vivir onde vivimos.
Deste xeito, a proximidade dos servizos básicos – garantindo que non haxa máis de media hora de desprazamento ata estes – ou unha fiscalidade rural que dinamice os territorios con alto grao de avellentamento, con bonificacións na Seguridade Social das pequenas empresas, son puntos en común que levaremos ás institucións.
Sabendo que o rural vivo é esencial para a alimentación da Humanidade, máis nun contexto de cambio climático, IGV defenderá que dende as administracións locais se poden impulsar políticas de apoio á produción agraria e gandeira de proximidade e dos mercados locais.
Asemade, que dende os concellos se debe asumir un rol protagonista a prol de compatibilizar as instalacións de enerxía renovable coa xeración de emprego e o respeto a paisaxe así como evitar macroproxectos empresariais depredadores do medio. Por iso, apostamos por un canón enerxético para concellos e persoas propietarias e por unha xeración distribuída que afonde nun modelo descentralizado e máis sustentable.
Ademais, será esencial un cambio do modelo e atención ás persoas maiores e dependentes, apostando por un aumento das horas do Servizo de Axuda no Fogar, que ten que ser público e con boas condicións laborais, e servizos de proximidade, así como por un modelo residencial micro no medio rural e baseado nunha atención centrada na persoa.
Tamén os Concellos rurais deben ter rol protagonista na dotación de vivenda pública e na defensa da Sanidade pública e gratuíta, propoñendo que se extendan servizos como a Fisioterapia ou a Saúde bucodental, e defendendo unha cobertura digna de pediatría no interior galego.





En resumo, Interior Galego Vivo queremos Concellos activos na defensa dos dereitos da cidadanía e do futuro da vida no interior galego, en lugar de administracións pasivas que se adican a xestionar as migallas e facer propaganda namentres seguimos a perder poboación.
Interior Galego Vivo é unha rede cidadá, con colectivos en múltiples lugares do interior galego que, a nivel institucional, suma candidaturas nestas eleccións Municipais coa incorporación dos grupos de Portomarín, na provincia de Lugo, e Vilardevós, na de Ourense, que se presentan ás eleccións como Terras de Portomarín e Interior Galego Vivo-Vilardevós, uníndose mediante unha coalición electoral ás candidaturas que xa contan con representación.
Asemade, IGV mantén lazos de colaboración con agrupacións próximas en toda a xeografía galega.
Dende Santa Cruz de Viana, parroquia rural de Chantada onde, de xeito moi simbólico, ten a sede o partido Interior Galego Vivo, os grupos de Alternativa Veciñal de Antas de Ulla, Por Chantada, Xuntos por Laza, Terras de Portomarín, Agroma Sober, Vilardevós-IGV, C@urel Vivo, Xuntos por Chandrexa, Esperta Monforte, Manzaneda IGV, San Sadurniño IGV e outras agrupacións irmás, Interior Galego Vivo presenta o seu DECÁLOGO PARA UN RURAL GALEGO HABITADO E HABITABLE., que podes descargar aquí:
No Comments