
12 Ago Interior Galego Vivo chama á mobilización polo futuro da Ribeira Sacra ante unha crise vitícola sen precedentes
A plataforma cidadá Interior Galego Vivo (IGV) alerta da deterioración estrutural do sector vitícola na Ribeira Sacra. A crise leva anos agravándose, tal e como vén denunciando nos plenos de Chantada, Monforte e Sober e nos medios de comunicación IGV, ao tempo que apoiamos iniciativas dos sindicatos agrarios, quen, igualmente, teñen denunciado repetidamente esta crise, malia que a situación segue sen mellorar. A semanas da vendima continuamos sen respostas nen soluciós por parte da Consellaría de Medio Rural, aínda que a conselleira se deixe caer por canta festa e feira do viño haxa en canto o lume con inclemencia carboniza Chandrexa de Queixa, Vilariño de Conso, Riós ou Vilardevós. (CMR).
Actualmente, vivemos unha crise estrutural, de modelo, que debería obrigar tamén ao Consello Regulador a pronunciarse con contundencia, pois dá a sensación de que as pequenas e pequenos vitucultores non teñen voz e o único que trascende ao público son os anuncios propagandísticos da Xunta. Xa a finais de 2023 e comezando 2024, IGV alertaba dunha «crise de excedentes de uva» que engade presión ao sector, perante a incapacidade das adegas para recoller toda a produción e a escasa presenza da nova xeración de viticultores.
Canto ás supostas axudas, non chegaron á base de produtores, ou apenas uns centos de euros, algo anecdótico. Exemplo paradigmático foi a orde de poda en verde aprobada pola Xunta, que denunciamos no seu momento por discriminar a agricultura familiar na Ribeira Sacra e no Ribeiro. IGV lamenta tamén que a nosa solicitude dunha fronte común de alcaldías da Ribeira Sacra para exixiren medidas da Xunta caese en saco roto.
Segundo estimaciós dos sindicatos agrarios, entre 1,3 e 2 millóns de quilos de uva poderían quedar sen recoller esta vendima, cando faltan semanas para o seu inicio. Unha segunda campaña consecutiva sen recollida pode resultar mortal para a DO.
A nosa formación entente que o sector demanda unha resposta inmediata e estructural:
- Elaborar un estudo de custes do quilo de uva, con atención a cada subzona da Ribeira Sacra, para evitar que se continúe incumprindo flagrantemente a Lei da Cadea Alimentar.
- Compromiso público de recollida de uva por parte das adegas, con prezos xustos e garantía de recoñecemento da súa produtividade.
- Estabelecer incentivos directos ao viñedo en socalco, para preservar unha paisaxe declarada candidata a Patrimonio da Humanidade, sen excluír o autoconsumo ou aquelas parcelas que non se acollan á DO, pois a paisaxe mantéñena igualmente.
- Adaptar a PAC para priorizar o cultivo en ladeira e aplicalo ao viñedo e deter novas plantacións que non repeiten o terreo tradicional.
- Plan de relevo xeracional, impulsando a incorporación de persoas novas ao cultivo da viña.
- Promover a diferenciación por subzonas e simplificar a burocracia para viticultores.
- Desenvolver liñas de axuda que non exclúan na práctica, polos requisitos e pola burocracia, ás persoas viticultoras, xa que a realidade da Ribeira Sacra é unha superficie media de 0,5 ha.
Finalmente, queremos reiterar que non hai Patrimonio da Humanidade sen persoas e sen ribeiras, non hai futuro sen viñedos vivos. Por todo isto, IGV apela aos axentes sociais para mobilizarse polo futuro da Ribeira Sacra: Interior Galego Vivo fai un chamamento á mobilización cidadá, ao apoio solidario e á continuación das iniciativas de presión institucional. A Ribeira Sacra está en perigo e merece ser defendida.
No Comments