23 Dec Interior Galego Vivo esixe á Consellería de Medio Ambiente investigar e sancionar un vertido na parroquia de Neiras
Interior Galego Vivo esixe á Consellería de Medio Ambiente investigar e sancionar un vertido na parroquia de Neiras
“As aldeas non poden converterse en vertedoiros ante a pasividade das Administracións”








Sober, 22 de decembro de 2025
Agroma Sober, a agrupación local de Interior Galego Vivo, insta á Consellería de Medio Ambiente a exercer as súas competencias e vixiar e sancionar, de ser o caso, un vertido na parroquia de Neiras, Concello de Sober.
Dende o 10 de decembro do presente 2025, veciñanza de Neiras detectou o paso de camións e palas con material de escombro cara a zona de “A Graveira”, un espazo lacustre onde se situou unha canteira de area, inactiva dende hai anos, no monte de Neiras.
Entre o 10 e o 16 de decembro chegan unha media de 5 camións diarios con material procedente de escombros de obras, que se deposita, con operacións levadas a cabo cunha pala excavadora, nunha pequena lagoa á beira do camiño de acceso ao monte de Neiras.
Interior Galego Vivo denuncia que entre o material que se traslada e se deposita nesta zona hai, a simple vista – e está documentado mediante fotografías -, non só residuos inertes, senón tamén materiais como ferros, tubos de bombonas de butano, restos de canalóns, restos de roupa e plásticos. Claramente, no só se trata de residuos inertes que poideran ser obxecto dun plan de rexeneración de espazos.
Asemade, esta actividade supón o recheo dunha zona lacustre que provocou, coas choivas recentes, que a auga discurra manchada cara a canle de regadío e cara os cursos de auga.
Ante o risco para a auga, a flora e a fauna, Interior Galego Vivo puxo os feitos en coñecemento de SEPRONA, da Confederación Hidrográfico Miño-Sil, do Concello de Sober e da Consellería de Medio Ambiente, que é a “competente para a autorización e rexistro das actividades de produción e xestión de residuos, con función de vixiancia, inspección e control, así como potestade sancionadora no relativo a solos contaminados”.
A simple vista, os residuos vertidos identifícanse como “residuos da construción e demolición”, segundo a clasificación da normativa europea incorporada á lexislación estatal, pero inclúen plásticos e outros elementos.
Os residuos considerados inertes poden usarse en obras de recheo de canteiras ou de acondicionamento de espazos degradados, pero, neste caso, non só hai residuos inertes, senón outro tipo de material como plásticos, roupa, canalóns ou gomas de bombonas de butano.
(Son considerados residuos inertes os seguintes: envases de vidro, formigón, ladrillos, tellas e materiais cerámicos, mesturas de formigón, ladrillos, tellas e materiais cerámicos, vidro, terra e pedras.)
En todo caso, se a actuación fora un proceso de “rexeneración” debería contar con autorización da Consellería, e non semella tal, pois non se enterrou o material, senón que se botou nunha lagoa, co cal o lixiviado (auga que arrastra residuos) trasládase á canle de regadío e aos cursos fluviais.
Por isto, dende Interior Galego Vivo “esiximos á Consellería que actúe e sancione, de ser o caso, así como que realice analíticas de auga e solo”.
“As aldeas non poden converterse en vertedoiros nos cales as empresas, aproveitando o despoboamento, aforren trámites medioambientais esixidos. Nun Concello “bandeira verde de Galicia” e nun territorio que a Xunta quere promocionar a Patrimonio Mundial fallan os alicerces cando apenas hai control sobre a contaminación das augas” – sinala Paula Vázquez Verao, voceira de Interior Galego Vivo en Sober.
Accede aquí ao documento trasladado á Consellería de Medio Ambiente.
No Comments