Interior Galego Vivo alenta a participar nas Eleccións estatais e votar ás forzas que non recorten os nosos dereitos

Interior Galego Vivo alenta a participar nas Eleccións estatais e votar ás forzas que non recorten os nosos dereitos

Interior Galego Vivo alenta a participar nas Eleccións estatais e votar ás forzas que non recorten os nosos dereitos, demandando que defendan a vida digna no interior galego e que non haxa retrocesos sociais e laborais.

Vilardevós, 9 de xullo de 2023.

IGV decidiu non apresentarse ás Eleccións Xerais de 2023 e seguir acumulando forzas e sumando agrupacións e afiliación. Porén, o feito de que non apoiemos ningunha forza política en concreto nestes comicios non quere dicir que nos inhibamos, pois xóganse politicas que afectan directamente á maioría social e, singularmente, á cidadanía das comarcas do interior galego, que sufrimos agravados problemas xerais, ademais das especificidades do abandono institucional.

IGV entende que un Congreso no que sexan maioría as forzas reaccionarias vai supor un retroceso social e material nas condicións de vida da maioría da xente, afectando directamente á cidadanía do rural galego. Pola contra, un goberno que precise do diálogo e dos acordos terá que ter na súa axenda as necesidades do mundo rural e a mellora das condicións materiais de subsistencia da maioría social.

IGV para alén de considerar urxente unha fiscalidade rural e un programa ambicioso de rehabilitación de vivenda no rural, así como unha reforma do financiamento local ten claro que:

Estamos en anos decisivos para loitar contra a mudanza climática dende unha perspectiva de xustiza social: que se instalen nas institucións lexislativas e executivas do Estado os negacionistas do cambio climático é un drama humanitario.

A igualdade entre homes e mulleres e os dereitos LGTBI, aínda non acadados na súa totalidade, sofrirán un retroceso cun goberno con forzas reaccionarias e pagarémolo directamente sobre as nosas vidas, co aumento de agresións e discriminacións que se producirán cun aval institucional aos discursos do odio.

Un goberno da reacción é o goberno dos privilexiados, de quen teñen grandes fortunas, afondando a estrutural desigualdade económica e territorial das nosas sociedades que pon en perigo a democracia e o futuro. O que cómpre é afondar en políticas redistributivas aínda máis ambiciosas para superar a precariedade e a falta de vivenda digna.

Dende IGV non apoiamos especificamente ningunha forza política das que se apresentan o 23 de xullo e consideramos que os nosos problemas deben ter alternativas claras para o que seguiremos loitando e construíndo o movemento da cidadanía rural. Ora ben, temos moi claro que votaremos para evitar un goberno de PP e VOX. Así pois, apelamos ao conxunto das forzas políticas progresistas a que se centren en confrontar coas forzas reaccionarias e non malgasten forzas compitindo entre si.

Feijóo non é un moderado: no rural galego sabemos cales foron as súas políticas de privatización e centralización sanitaria, eliminación da presenza da lingua galega no ensino, peche de unidades educativas no rural, favorecemento do negocio no sector das residencias de maiores ou fomento do expolio do aforro galego das Caixas de Aforro.

Por un interior galego vivo, evitemos un goberno reaccionario no Estado e continuemos a traballar sen descanso por vidas dignas no rural galego.

Terra a nosa!

No interior galego a 9 de xullo de 2023.

No Comments

Post A Comment