10 Dec Ningún machista é bo político.
Ante o machismo e o acoso sexual cómpre actuar con contundencia.
Ningún machista é bo político.
As denuncias de acoso sexual e comportamentos machistas contra o Alcalde de Monforte e Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, non poden tomarse á lixeira. Tampouco o encubrimento do partido -de calquera partido- e de cargos tan relevantes como Pilar García Porto, Lara Méndez ou José Ramón Gómez Besteiro.
É común, por desgraza, nas organizacións políticas e sociais a persistencia dun machismo estrutural polo que as mulleres vemos infravalorado o noso desempeño polo feito de ser mulleres. Os casos extremos de agresións sexuais ceméntanse nun clima que propicia a banalización de comentarios machistas ou insinuacións sexuais no ámbito laboral e unha concepción do poder feudalizante como sinónimo de “impunidade” e “vasalaxe”. Asemade, nas organizacións políticas pode operar un sistema de círculo de confianza en torno ao líder que provoca o encubrimento destes comportamentos inaceptábeis e a imposicion do silencio revitimizando as vítimas.
Cando existen estas denuncias, hai obriga de actuar con dilixencia: o PSOE debe ser claro na xestión do asunto, investigando e, de ser o caso, depurando responsabilidades, de quen cometese estes actos e de quen os encubrise. A correcta xestión implica a protección das vítimas, incluída a súa intimidade, á par que a garantía da presunción de inocencia.
A igualdade é un tema que as organizacións políticas debemos interiorizar e non unha arma arreboladiza que instrumentalizar contra o adversario como tan a miúdo temos observado. Por iso, desde Interior Galego Vivo non queremos banalizar o asunto e esiximos claridade e contundencia desde xa.
A impunidade coa que actúan os machistas no século XXI ruboriza, mais o movemento feminista asentou a importancia de rebelarse e frear de raíz estes comportamentos, que a cada paso gozan de menor impunidade. Ningún machista é bon político; ningún machista é bon alcalde. Ningún machista é bon presidente da Deputación. Tomé Roca debe dar explicacións claras e non enrocarse e practicar a fuxida cara adiante.
O noso apoio a todas as mulleres que se atreven a denunciar aos vitimarios machistas, nomeadamente aos que están nas capas altas e nas cúpulas de poder de todas as estruturas sociais, económicas e políticas.
No Comments