
03 Abr IGV considera insuficiente a resposta do Ministerio de Transportes sobre os arranxos pendentes nas estradas do interior galego
IGV considera insuficiente a resposta do Ministerio de Transportes sobre os arranxos pendentes nas estradas do interior galego
“Os problemas na rede viaria agrávanse por non actuar a tempo”
Interior Galego Vivo vén de recibir resposta á carta dirixida por este colectivo ao Ministro de Transportes en relación ao pésimo estado da rede viaria estatal no interior galego.
En concreto, o Ministerio responde sinalando os plans previstos en determinados puntos das estradas. Están en fase de “redacción de proxecto” varias actuacións da N-120, sen que coñezamos data prevista de execución, e o Ministerio sinala que está en curso a rehabilitación da N-540 entre o km 0 e 69, obras que, supoñemos, se reanudarán esta primavera, mais das que só un 15% foron executadas en 2024 – adxúntase carta de resposta do Ministerio de Transportes -. Acerca do estado da N-525, de Benavente a Zamora, non recibimos resposta do Ministerio.
Dende IGV consideramos que é insuficiente esta actuación, pois xa en 2024 o Ministerio sinalou o mesmo e dende a nosa plataforma advertimos que agardar ata 2025 era problemático e agravaría a situación das estradas. Agora vemos que aínda está por ver se dan rematado as obras este ano, cando a gravidade da situación reclama unha actuación urxente.
Asemade, cómpren solucións integrais e estruturais, pois puntos das vías nos que se actuou en 2024 xa volven presentar problemas. Así, estas “reparaciones puntuales de firmes” que sinala o Ministerio que se realizan, non sempre se fan con toda a premura necesaria nin son solucións a longo prazo.
IGV reivindica celeridade na actuación do Ministerio, pois a falta de actuacións rápidas é o que agrava o estado das carreteras e fai aínda máis costosas as reparacións, alén de ser unha tortura diaria para as xentes que deben desprazarse por traballo por estas vías.
No Comments