Candidaturas municipalistas de toda Galicia impulsan un proceso de confederación de proxectos locais cara as Eleccións de 2027

Candidaturas municipalistas de toda Galicia impulsan un proceso de confederación de proxectos locais cara as Eleccións de 2027

Galicia, 17 de marzo de 2025.

Reunidas en Monforte de Lemos o 15 de marzo de 2025, candidaturas municipalistas de toda Galicia acordaron impulsar un proceso de confederación de proxectos locais.

As candidaturas presentes lanzan o manifesto “Agora Galicia”, aberto a cambios e incorporacións, coa vontade de sumar máis proxectos locais – algúns dos cales xa amosaron a súa disposición a unírense – e escolle un grupo de coordinación.

As agrupacións presentes insistiron na necesidade de tecer rede entre os proxectos municipalistas de base, para apoiarse no traballo local que, moitas veces, se topa cun caciquismo asentado. Así, acordaron avanzar nunha confederación de asembleas locais para apoio mutuo a nivel de traballo municipal e asistencia xurídica.

De cara as Eleccións Municipais de 2027, as candidaturas asistentes decidiron avanzar nunha fórmula electoral de coalición que permita o mantemento das marcas locais consolidadas e, ao tempo, a suma dos votos de cara a escolla de deputados/as provinciais. As candidaturas asinantes cren que “é posible aumentar a pluralidade política e a transparencia nas catro deputacións, podendo deste modo, levar alí as problemáticas que sofren os nosos concellos no día a día e son da súa competencia”.

Deste xeito, tamén, destacan, presentarse unidas permite visualizar a suma total dos votos a estes proxectos que, en conxunto, representan a cuarta forza política do País.

Caracteriza aos proxectos locais presentes o combate frontal contra o caciquismo e a parálise institucional e a participación no asociacionismo de base, sendo, fundamentalmente, veciñanza que quere un futuro xusto para os seus Concellos. Con este paso que avanza na coordinación a nivel galego, mantense a soberanía das localidades no seu ámbito de actuación e búscase apoio mutuo e suma de forzas, no espíritu das Irmandades que, precisamente, se xuntaron en Monforte hai máis dun século.

Indican as candidaturas presentes que “este é un chamado á cooperación dos proxectos de base e aos movementos da cidadanía para, desde os concellos, construír unha ferramenta plural ao servizo do país, partindo da base de que só coa expansión do espazo político galego é posible un cambio de rumbo en Galicia aumentando a pluralidade política e o entendemento entre as forzas transformadoras e para mobilizar abstencionistas, xente descontenta co escenario político actual de crecente desafección, e a convencer votantes doutras forzas de que hai unha alternativa galega construída por veciñas e veciños sen dogmatismos nin hipotecas”.

Destacan que teñen “as xanelas abertas ao diálogo co fin de chegar a puntos de encontro coas forzas políticas e sociais”.

As candidaturas presentes aproveitaron para amosar o rexeitamento tanto ao proxecto de Altri na Ulloa como á macroponte sobre o Cabe que quere impulsar o Concello de Monforte destruíndo o Malecón.

Asistiron ao encontro e impulsan o manifesto as todas as agrupacións locais de Interior Galego Vivo e máis candidaturas presentes de toda Galicia:

(Lugo)

Por Chantada

Agroma Sober IGV

Esperta Monforte

Courel Vivo

IGV A Ulloa

(Ourense)

IGV Vilardevós

Ourense Mellor

Xuntxs por Laza

Xuntxs por Chandrexa

IGV Macizo Central

(Pontevedra)

Manifesto Miñor (Gondomar, Nigrán, Baiona)

Por Vir Campolameiro

Somos Ribadumia

(A Coruña)

San Sadurniño Vivo

Move Neda

No Comments

Post A Comment