12 Dec Por un plan para a dignificación da Atención Primaria e Pediatría no interior galego
Os meses finais de 2021 evidenciaron problemas estruturais na Atención Primaria das comarcas do distrito sanitario de Monforte, correspondente coa antiga área sanitaria.
Coa xubilación de persoal médico amortizáronse nos últimos tempos, polo menos, catro prazas (Monforte, Carballedo, Sober e Pantón) o que redunda nunha maior desatención e mingua de servizos no rural. No interior galego non só temos que fixarnos no cupo de cada médico, mais atender á dispersión e o que se tarda na atención ao fogar.
Neste momento están abertos os maiores problemas na Atención Primaria en Pantón – periga outra das prazas de Medicina de Familia, cuberta de xeito precario -, e Chantada, onde hai dous médicos e onde derivan os pacientes de Carballedo, que non ten médico estes días ao estar de baixa.
Así, desde Interior Galego Vivo queremos enviar o noso apoio á veciñanza e colectivos que se mobilizan contra a perda de servizos sanitarios e un especial recoñecemento ao persoal sanitario que asume nas súas costas o sobreesforzo que supón a falta de cobertura das prazas.
Este problema non é novo, é estrutural o feito de que non se dan cuberto as baixas, permisos ou ausencias laborais diversas, redundando nunha sobrecarga das e dos profesionais en activo. Un dos motivos é a falta de estabilidade laboral que ofrece o SERGAS, con contratos que se fan por días, despedindo nas fins de semana. Así, amósase unha vez máis o descaro da Xunta e do PP, que anunciara que a supresión da área sanitaria e a integración na de Lugo garantiría a dotación de profesionais. Cada novo recorte nos servizos no rural xustifícase na “eficiencia” ou na “mellora” do servizo que xamais se verifican nen teñen calquera controlo a posteriori.
Por outra parte, é estrutural tamén a carencia de atención pediátrica en todo o distrinto sanitario. Estes días Chantada estivo novemente sen pediatra e Monforte, onde acoden os concellos da contorna, ten unha listaxe de agarda para atención de consultas por enfermidade que pode chegar ás dúas semanas.
Noutros concellos xa a pediatría é tamén estruturalmente precaria. Antas de Ulla non ten pediatra nin matrona, tendo que ir a Monterroso para estes servizos, compartidos con Portomarín e Taboada. Esta praza, asemade, non se cubre de xeito estrutural, polo cal en moitas ocasións se atrasaron citas de vacina ou de seguimento de nenas e nenos sans, así como que se tivo que recorrer a consultas privadas para atender enfermidades. En Quiroga só hai pediatría dous días á semana e este é o centro de referencia para todo o Courel.
Ao anterior súmanse outros exemplos da nefasta xestión das áreas sanitarias do interior galego. A seguranza dos hospitais do Barco de Valdeorras e de Verín levan un mes sen cobrar e subliñan novamente as problemáticas ligadas coa externalización de servizos na sanidade pública, como a lavandaría.
As listas de agarda en pediatría derivan no recurso a atención privada, que despois de pórse de esguello na pandemía é agora a grande beneficiada das políticas de demolición da sanidade pública. Tamén redunda a situación na proliferación de consultas sen cita ou no PAC do Hospital, pois hai patoloxías que non poden agardar máis dunha semana para a súa consulta.
Así as cousas, desde Interior Galego Vivo consideramos que o SERGAS debe impulsar un plano específico para a mellora da Atención Primaria e Pediatría no distrito sanitario de Monforte, O Barco e Verín que teña en conta as condicións laborais das e dos profesionais e a necesidade de maiores incentivos para exercer no interior galego.
No Comments