8M: construír Igualdade dende cada parroquia

8M: construír Igualdade dende cada parroquia

As mulleres de Por un Interior Galego Vivo temos claro que en 2022 cómpre un renovado impulso á loita feminista do #8M; a pandemia non fixo máis que agravar as desigualdades.

En cada lugar, en cada parroquia, en cada vila do noso país deben escoitarse as nosas arelas de #igualdade.

No interior galego as #mulleres contamos con cada vez menos servizos, as nais temos case imposíbel conciliar, aínda non se avanzou na corresponsabilidade, todo tipo de traballadoras sofremos a #precariedade, as persoas coidadoras temos cada vez máis cargas e padecemos ausencia de atención aos nosos malestares, as #mozas continuamos tendo que emigrar e a oferta educativa é cada vez máis cativa para as nenas e as crianzas.

As boas palabras das administración sucédense e o “feminismo institucional” ritualiza as loitas, mais dende IG-VIVO temos claro que sen investimentos reais e oportunidades de futuro na nosa #Terra só continuaremos afondando no foxo da desigualdade e da discrimación.

Neste 2022 as galegas enfrontamos aínda unha diferencia salarial a respecto dos homes dun 19%, fenda que se agrava segundo avanza a idade, e 46,7% das traballadoras cobramos menos do SMI.

Na temporalidade ocupamos 76,7% dos traballos parciais e a precariedade é a norma, pois moitos dos contratos asinados duran menos dun mes e as nosas pensións teñen, de media ,10 anos menos de cotización cós homes, e 36% das desempregadas non percebemos nengún tipo de subsidio por desemprego.

O 87% das mulleres galegas traballamos no sector dos servizos, que é un dos de maior precariedade e de maior perda de direitos laborais o que convirte a #conciliación nun papel mollado na nosa realidade diaria. Ademais, quen asume maioritariamente excedencias, reducións laborais e permisos para coidado de crianzas somos as mulleres.

Por iso, 20,05% das mulleres estabamos en risco de pobreza ou exclusión social en 2020.

Fomos as caixeiras, as coidadoras, as sanitarias, as docentes, as labregas que gardamos a sociedade durante a pandemía. Somos as que nos involucramos no tecido parroquial, veciñal, nas AMPAS… somos as tecedeiras da #comunidade e ferreiras dun mundo mellor.

Queremos:

* Corresponsabilidade e igualdade no reparto entre homes e mulleres das tarefas do fogar e de coidados.

* Aumento exponencial do orzamento para políticas de Benestar, con especial importancia do Servizo de Axuda no Fogar, que debe ser público.

* Erradicación da precariedade laboral en eidos feminizados como a Sanidade, Dependencia ou Servizos.

* Xeración de novos eidos de emprego no interior galego con boas condicións laborais e igualdade entre homes e mulleres.”

Por isto e moito máis, este #8M acompañamos o movemento #feminista galego.?

Nos municipios do interior haberá mobilizacións en:

– Monforte. 20.30 h (praza de España)

– Chantada. 20 h (da praza de Santa Ana ao Cantón)

– Lalín 20 h

– Vilalba. 20 h

– Ourense. 20h

– Lugo. 20 h

#construírfuturo #interiorgalegovivo #igualdade

Tags:
No Comments

Post A Comment